As primeiras rabexadas do temporal deixan un regueiro de pequenas incidencias
Por Diego Espiño
A pesar de que o fenómeno adverso polo paso da borrasca 'Félix' pola provincia non estaba previsto ata a tarde deste sábado, as primeiras rabexadas do temporal sentíronse na cidade ao longo da madrugada.
Un regueiro de pequenas incidencias derivadas dos refachos de vento rexistrados obrigaron aos servizos de emerxencia a despregarse durante a noite, especialmente desde as 22:00 horas do venres e ata as 2:00 horas da madrugada do sábado.
Así, os bombeiros tiveron que retirar parte do tellado dun edificio na rúa Ernesto Caballero, debido á caída de tellas, acudiron por un motivo similar á rúa Manuel del Palacio e revisaron a cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes tras desprenderse un panel dunha as partes laterais e danar un vehículo estacionado no lugar.
Tamén se produciron incidencias pola caída de sinais na Glorieta do Piñeiro e na Avenida de Marín e pola caída dun semáforo sobre a beirarrúa nas Corvaceiras.
Ademais foi necesario retirar unha árbore tirada no medio da calzada en Fontán, Xeve, un colector que fora arrastrado ao centro da calzada en San Mauro e houbo que intervir en Raíña Vitoria por un cartel dun farol que ameazaba con soltarse e por un cable solto na Plazoleta de Cunchidos (Lourizán), polo que foi necesario avisar a Telefónica.
O Concello mantén activado o dispositivo de emerxencia desde o mediodía do venres ante a previsión de alerta meteorolóxica de nivel laranxa por vento e de nivel amarelo por choiva, téndose suspendido todas as actividades ao aire libre previstas durante a tarde do sábado.
Relacionadas:
-
Unha árbore cae sobre dous coches aparcados na rúa Rafael Areses
Por Redacción |
-
O 112 xestiona 264 pequenas incidencias na provincia durante o temporal
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Elevan a nivel vermello a alerta por temporal costeiro no litoral de Pontevedra
Por Redacción |
-
Suspendida a xornada de sábado no fútbol pontevedrés debido á alerta meteorolóxica
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Activan a alerta laranxa por fortes ventos e temporal marítimo durante a fin de semana
Por Redacción | Creada e actualizada