Cerdedo-Cotobade acondiciona as estradas do lugar de Vilanova
Por Redacción
Ata 50.000 euros está a investir o Concello de Cerdedo-Cotobade para acondicionar as estradas da aldea de Vilanova. Son tres actuacións que están integradas no plan municipal de vías e servizos que puxo en marcha o goberno municipal.
En primeiro lugar, procedeuse ao ensanche e a eliminación dun punto perigoso consistente nunha fochanca e que estaba sinalizada cun valado de seguridade no enlace desde a PO-233, coñecido como o acceso do cruceiro.
Neste punto, onde se acometeu a corta de eucaliptos para favorecer a visibilidade, tamén se instalaron as canalizacións con arquetas e pozos de rexistro e só resta botar a correspondente capa de rodaxe.
A seguinte actuación centrouse no coñecido como Camiño de Lamela, situado entre o campo da festa e o parque infantil, no que se realizou o seu acondicionamento cun novo asfaltado e os entubamentos.
Na actualidade os traballos estanse a desenvolver nun vial de acceso a vivendas coa execución da mellora viaria e da dotación das canalizacións nunha zona complicada pola existencia dun forte desnivel.
Nesta tripla actuación, o Concello está a investir uns 50.000 euros, o que eleva a cifra de investimentos nesta contorna ata os 120.000 euros no presente mandato.
Nestes tres anos Vilanova contou cunha primeira fase de pavimentacións en pistas interiores, un proxecto de canalizacións e a creación dun moderno parque infantil e, anteriormente, instalouse un moderno sistema de abastecemento de auga.
O presidente municipal, Jorge Cubela, destacou estes derradeiros traballos "xa que deixan practicamente perfectas as vías e os servizos do lugar de Vilanova, con pistas axeitadas co firme renovado e con canalizacións que evitan estragos nas infraestruturas".
Relacionadas:
-
Santa María de Sacos, Augasantas e Famelga súmanse ao zafarrancho de asfaltados
Por Redacción |
-
Ensanchan a vía de Louredo para permitir o paso de vehículos de emerxencias
Por Redacción |
-
A Xunta contrata obras en Parada de Tenorio
Por Redacción |
-
O Concello de Cotobade investirá 110.000 euros en mellorar os camiños de catro parroquias
Por Redacción |