Marín pon en valor ás súas deportistas para conmemorar o 8 de marzo
Por Redacción
O salón de plenos do Concello de Marín acolleu este xoves o acto institucional co que o municipio conmemorou a celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que nesta ocasión estivo centrado no papel das mulleres no deporte.
A choiva obrigou a celebrar baixo teito este acto, no que participaron como convidadas especiais deportistas de Marín.
A alcaldesa, María Ramallo, destacou a necesidade de visibilizar á muller nos distintos ámbitos da vida e o camiño que queda por percorrer para conseguir unha igualdade real entre homes e mulleres.
Resaltou ademais o traballo e o esforzo das deportistas do municipio, que contribúen co seu labor para alcanzar unha sociedade máis xusta que garanta a igualdade de oportunidades e os dereitos para todas as mulleres.
No acto participaron Cecilia Puga (fútbol sala), Flor Guzmán e Antía Sestelo (atletismo), Cristina Santoro (fútbol) ou Arlet Ortiz (taekwondo).
O Concello, ao seu remate, fixo entrega aos asistentes dunha taza deseñada coa viñeta do debuxante Luís Davila.