A Xunta mellorará a eficiencia enerxética de 79 vivendas de promoción pública en Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez
A Xunta publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de mellora da eficiencia enerxética de 79 vivendas de promoción pública emprazadas en Pontevedra, cun investimento de 578.003,64 euros.
As empresas interesadas en concorrer á licitación dispoñen de 26 días para a presentación de ofertas, é dicir, ata o vindeiro 3 de abril.
As obras, que consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas, realizaranse nas vivendas emprazadas en Monte Porreiro, na rúa Bélxica número 2, 4, 6, 8A e 8B.
As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O prazo de execución das obras será de catro meses dende o inicio das mesmas.