Comprar "Fariña" en Pontevedra, misión (case) imposible
Por Alejandro Espiño
Efecto Streisand. Díse do fenómeno que se produce cando fracasa un intento de censura e a información que se pretende é amplamente divulgada, dándolle aínda maior visibilidade da que tería se non se tentou tapar.
Esta expresión ten a súa orixe na polémica na que se viu envolvida a actriz e cantante Barbra Streisand cando esixiu retirar unhas imaxes aéreas da súa mansión en California. Non o logrou. O único que fixo foi espertar o interese do público nelas.
Iso, precisamente, é o que ocorreu con Fariña, o libro de Nacho Carretero que foi secuestrado hai unhas semanas por orde xudicial, tras a denuncia interposta por Alfredo Bea Gondar, ex alcalde do Grove.
Desde que se coñeceu a noticia as vendas disparáronse. Fariña publicouse en setembro de 2015. Fontes da editorial Libros del KO confirmaron que, ata esta decisión cautelar, vendéranse uns 32.000 exemplares. Outros 25.000, segundo cálculos do sector, voaron das librerías nas últimas semanas.
E en Pontevedra tamén sucedeu. Nada máis anunciarse o secuestro, os pontevedreses lanzáronse a comprar o libro. "Se esfumaron en cuestión de días", explican a PontevedraViva desde unha librería da cidade. "E máis que tivéramos". Os únicos exemplares que quedaban hai uns días "están todos reservados", aclaran.
A responsable doutro establecemento explica que, desde o seu lanzamento, foi un dos títulos máis vendidos "pero o de agora está a ser unha tolería" e, en determinados días, "case todas as persoas que entraban preguntaban por el".
O fenómeno "Fariña" desbordou todas as previsións pero, sen dúbida, disparouse aínda máis tras a decisión de Antena 3 de estrear a adaptación televisiva do libro, que se estreou con gran éxito e preto de 4 millóns de espectadores. "Non podiamos esperar algo así", recoñecen os libreiros consultados.
Agora que a xuíza ordenou executar a sentenza, obrigando á editorial a inmediata paralización da reprodución e distribución do libro tanto a través da súa venda tradicional como dixital, non saben que é o que vai pasar.
Iso si, teñen claro que se chegan máis copias "seguirémolas vendendo", aínda que sexa de contrabando. Ironicamente, tal e como comezaron nos seus respectivos negocios os protagonistas dun libro que vai camiño de converterse nunha xoia de coleccionista.
Relacionadas:
-
Bea Gondar perde definitivamente a súa batalla xudicial contra "Fariña"
Por Redacción |
-
O ex alcalde do Grove Bea Gondar, condenado a pagar 16.000 euros polo secuestro de Fariña
Por Natalia Puga |
-
Oubiña, molesto cunha escena da serie "Fariña" planteará accións legais
Por Oskar Viéitez |
-
Así é Fariña, a serie sobre o narcotráfico galego que Antena 3 estrea hoxe
Por Alejandro Espiño |
-
Unha xuíza ordena o secuestro do libro "Fariña" a petición dun ex alcalde do Grove
Por Redacción |