Eduardo Pondal inaugura a súa central de compostaxe
A contorna de Eduardo Pondal e O Gorgullón xa ten a súa central de compostaxe. Este mércores 7 de marzo inauguráronse as dúas estruturas dispostas para a elaboración de compost cunha caseta de información aberta de 17.00 a 19.30 horas para os interesados en saber máis sobre o tema.
O composteiro comunitario foi colocado a petición de 44 familias de veciños da zona, sumándose ás 92 unidades modulares de compostaxe xa existentes na cidade (5 composteiros en Príncipe Felipe, 3 en Monte Porreiro, 2 no campus, un en Campañó e outro na Brilat).
A súa acollida foi favorable, segundo asegura Mariña Lobelle, técnica de xestión de residuos da Deputación de Pontevedra. Aínda así, emitíronse unha serie de queixas por parte dalgunhas persoas que viven na contorna. Lobelle explica que este tipo de reaccións adoitan ser habituais como consecuencia do descoñecemento e confía en que se disipen a medida que vaian discorrendo as semanas.
Os veciños aproveitaron a xornada para resolver dúbidas sobre o proceso. Moitos deles estaban apuntados na recollida de firmas realizadas nas distintas asembleas informativas previas e puideron poñer en práctica o aprendido, asesorados polos técnicos. Outros tiveron a súa primeira toma de contacto coa compostaxe na inauguración e animáronse a anotarse na lista de participantes.
O compost tardará como mínimo tres meses en realizarse. Unha vez completado o proceso, aqueles participantes dos centros terán prioridade e poderán recibir o material para a súa utilización en hortas e plantas.
No edificio Paxariñal, con todo, existen discrepancias respecto desta iniciativa. Alfonso e Javier aproveitaron a inauguración para trasladar o seu descontento á Deputación. Os seus apartamentos sitúanse diante do centro de compostaxe e, segundo afirman, non recibiron notificación algunha da súa colocación. Por iso, a comunidade de veciños estuda poñer unha petición formal ao Concello de Pontevedra para a súa retirada.
Relacionadas:
-
Lores sobre a oposición aos composteiros: "quen non queira colaborar polo menos que non poña paus nas rodas"
Por Redacción |
-
Veciños contra o composteiro de Eduardo Pondal: "Que digan la gente que no lo ha pedido"
Por Natalia Puga & Clara Alonso |
-
O goberno local considera que Moreira acabou "metendo nun lío" á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Os estudantes de Enxeñería Forestal achéganse ao proceso de compostaxe
Por Alejandra Iannone |
-
Instalarán "o máis rápido posible" dous ou tres centros de compostaxe máis en Eduardo Pondal
Por Alejandro Espiño |
-
San Brais e Eduardo Pondal estrean esta semana os composteiros comunitarios
Por Alejandro Espiño |
-
Comeza a instalación do composteiro demandado por veciños de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
San Brais, primeiro barrio que implantará a compostaxe de forma integral
Por Alejandro Espiño |