A Deputación 'rompe' cos estereotipos de xénero cunha exposición "provocadora" pola igualdade
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Remover conciencias e seguir camiñando cara á igualdade entre mulleres e homes. Iso busca a exposición 'Rompe, xoga en igualdade' estreada este mércores na Deputación de Pontevedra.
Todo o que se achegue ao Pazo Provincial ata o próximo 8 de abril atoparase na entrada do edificio unha mostra "extraordinaria, vangardista, rompedora, provocadora", sinalou na súa presentación Carmela Silva.
Trátase dunha mostra composta por 18 paneis na, a través de bonecas, preténdese visibilizar a discriminación que sofre día a día a muller en diferentes ámbitos da vida cotiá.
Carmela Silva: "Desde que nacemos e dende que somos nenas se nos di con que xoguetes temos que xogar"
"Desde que nacemos e dende que somos nenas se nos di con que xoguetes temos que xogar para que os roles establecidos durante séculos sigan vivos. Esta exposición nace para loitar contra esas inxustizas, estamos fartas, levamos moitos séculos loitando pola igualdade", argumentou na súa intervención a presidenta provincial.
Os zapatos de tacón, as princesas, a beleza, o noivado, o mundo laboral, a escola ou asuntos máis graves e polémicos como a prostitución ou os ventres de aluguer protagonizan as diferentes montaxes, nos que "quería darlle a Barbie algo de dignidade na súa vida", explicou unha das creadoras, Isabel Blanco.
Pola súa banda outras das artífices, Irene Silva, quixo explicar que se trata dun proxecto "que plantexamos como un xogo que pretende denunciar a evidencia. Concienciarnos da necesidade de romper as regras do xogo".
Todo un exercicio necesario para "construír un mundo mellor" no que deixar atrás a violencia contra a muller, a brecha salarial ou os prexuízos sobre a muller. Un mundo que pode ser igual para as mulleres e para os homes, sen discriminación de xénero.
Relacionadas:
-
"Fun vendida por 300 euros a un proxeneta español e convertida en mercadoría para o uso e goce dos homes"
Por Oskar Viéitez |
-
O 8 de marzo, "un arco iris" de decencia para a humanidade
Por Alejandro Espiño |
-
A mulleres do goberno provincial secundarán a folga feminista do 8-M
Por Diego Espiño |
-
A Deputación ofrecerá unha mostra rompedora con Barbies reivindicativas, que aspira a ser "secuestrada"
Por Anxo Lourido |