Cinco persoas dunha mesma familia, condenadas por trapichear desde tres casas do Vao de Abaixo
Por Natalia Puga
Cinco persoas dunha mesma foron condenadas por un delito contra a saúde pública por presuntamente dedicarse ao trapicheo de droga desde as súas chabolas no poboado de O Vao de Abaixo e outras dúas que foran detidas na mesma redada da Garda Civil en outubro de 2016 resultaron absoltas.
Os condenados son un matrimonio, o irmán dela e dous sobriños. Todos chegaron como acusados a un xuízo na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, pero chegaron a un acordo de conformidade que xa evitou a celebración da vista oral. Tras o acordo, e coa súa conformidade, a sala acaba de ditar sentenza.
A sentenza recolle a absolución de dous deles e condenas por un total de 18 anos e medio de cárcere para os outros cinco, todos eles como responsables dun delito contra a saúde pública por tráfico de substancias que causan grave dano á saúde.
A pena maior foi para José Manuel Salazar Suárez, condenado a catro anos e seis meses de prisión e o pago dunha multa de 36.000 euros porque, no seu caso, aplícaselle a circunstancia agravante de reincidencia, xa que no ano 2010 xa foi condenado a tres anos de prisión por delito de tráfico de drogas.
Na lista de condenados está tamén Asunción Jiménez Gabarre, esposa de Salazar Suárez e que vivía na mesma chabola cando cometeron o delito xulgado. No seu caso, condénanlle a tres anos de prisió e o pago dunha multa de 24.000 euros.
O irmán de Asunción e cuñado de José Manuel, Ramón Jiménez Gabarre, deberá cumprir a mesma condena de prisión polo tráfico de drogas, pero unha multa inferior, 18.000 euros. No seu caso, a pena ascende porque lle atribúen tamén un delito de tenencia ilícita de armas polo que deberá cumprir dous anos de prisión.
A lista de condenados complétana dous fillos de Ramón Jiménez Gabarre, José e María Ángeles Salazar Jiménez. Ambos deberán cumprir tres anos de prisión e pagar unha multa de 18.000 euros.
Ademais, a Audiencia acorda o comiso das substancias intervidas, así como da totalidade do diñeiro, as armas, os instrumentos do delito, os efectos ocupados (xoias, teléfonos, televisores, tablet, videoconsolas, caixas de ferramentas e elementos de son) e os vehículos incautados.
A sentenza considera probado que Asunción Jiménez Gabarre e o seu marido José Manuel Salazar Suárez dedicáronse á venda de cocaína e heroína en pequenas doses a terceiras persoas desde a súa vivenda en O Vao de Abaixo polo menos entre xuño e outubro de 2016. Para esa actividade, contaban coa colaboración de Ramón Jiménez Gabarre, irmán de Asunción e que residía xusto enfronte, e dos seus fillos, ela residente na casa paterna e el a uns 30 metros das anteriores.
Para levar a cabo a actividade de venda utilizaban as tres vivendas nas que residían. Dúas delas usábanse para ocultar as substancias, pesar as que se poñen á venda e elaborar os envoltorios nos que se conteñen as pequenas doses de heroína e cocaína que posteriormente se vendían sempre na terceira das chabolas.
A esta última é á que acudían diariamente os compradores que desexaban adquirir as doses e alí éranlle facilitadas a cambio de prezo por algún dos investigados, aínda que normalmente polas mulleres. Todos os procesados participaban, por tanto, na actividade de venda a terceiras persoas de substancias estupefacientes e obtiñan os seus beneficios. En xeral, eran as dúas mulleres do grupo quen proporcionaba as doses a cambio de prezo aos consumidores en tanto que os homes obtiñan as substancias, elaboraban as doses e realizaban labores de vixilancia mentres se producían as vendas.