Ponte Caldelas atará lazos como símbolo da igualdade o 8 de marzo
Por Redacción
Un acto simbólico, denominado Atando lazos, servirá para representar a loita das mulleres pola plena igualdade cos homes. Será o eixo central da programación organizada polo Concello de Ponte Caldelas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O acto, ao que están invitadas todas as mulleres de Ponte Caldelas, celebrarase na Alameda.
A programación comezará ás 20.00 horas na Casa da Cultura e incluirá a lectura dun manifesto institucional e a inauguración da exposición Mans de Muller, da Fundación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur).
Ponte Caldelas prepara tamén, unha vez rematado o acto Atando lazos, un brinde pola igualdade e un concerto do cantautor Manoele de Felisa. A programación rematará o día 16 de marzo cun relatorio-debate sobre emprendemento feminino no rural, tamén a cargo de Fademur.
Ademais, o Concello expresou o seu apoio institucional á folga das mulleres do 8 de marzo, unha medida que considera moi acertada para evidenciar dun xeito reivindicativo o longo camiño que queda por andar ata acadar a plena igualdade.