A Xunta licita o saneamento de Tenorio por 1,8 millóns e 13 meses para redactar o proxecto e executar a obra
Por Redacción
A Xunta, a través de Augas de Galicia, abriu este martes o proceso de licitación da redacción do proxecto e da obra de construción da rede de saneamento da parroquia cotobadesa de Tenorio por un importe de 1,79 millóns de euros co obxectivo de dar servizo aos seus 1.145 veciños.
As empresas interesadas deben formalizar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de abril e a apertura de ofertas está programada para unha semana despois.
As cláusulas deste prego de contratación recollen un prazo de execución total de 25 meses, pero a redacción do proxecto e a execución de toda a rede e as súas infraestruturas deben estar rematados nun máximo de 13, polo que se agarda que estean listos a finais de 2019.
Os doce meses restantes engádense para a posta en funcionamento deste servizo de saneamento, pero basicamente destinaranse a comprobar que as conexións e a depuración operan axeitadamente no seu primeiro ano.
Deste xeito, vén de culminar un ano e medio dun longo proceso administrativo e técnico, que arrancou coa sinatura dun convenio en Carballedo entre o presidente municipal, Jorge Cubela, e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, no verán de 2016.
Neste tempo, procedeuse á complexa redacción do anteproxecto, que é moi ambicioso pola amplitude do terreo e da cifra de vivendas ás que se dará servizo, e á consecución dos terreos.
Ademais, malia que inicialmente a cifra de parcelas afectadas cifrouse en 80, posteriormente houbo que ampliar a 15 predios máis ao realizarse un cambio no proxecto pola modificación do punto de verquido e das zonas de evacuación.
As obras proxectadas, que figuran nos orzamentos da Xunta 2018, consisten na mellora e ampliación da rede de colectores de saneamento con oito novos treitos que suman 4 quilómetros de lonxitude, a creación de dous pozos de bombeo en Covas e Lérez con 300 metros de tubarías de impulsión e a construción dunha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).
O presidente municipal, Jorge Cubela, cualificou este investimento de "histórico" pola súa contía, por ser o máis elevado do presente mandato municipal e porque conferirá un servizo importante á quinta parte da poboación municipal, polo que quixo agradecer a "sensibilidade" da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, coas necesidades do concello e dos seus veciños.
Así mesmo, o rexedor cre que o saneamento de Tenorio "supón un novo fito no marco de todas as obras e servizos que se están a acadar polo impulso do proceso de fusión municipal" e entre as mesmas citou o Centro de Fauna Salvaxe de Carballedo, a mellora integral da estrada PO-234, a construción da nova residencia de Cerdedo, a rehabilitación das vivendas dos mestres ou os proxectos nos viais PO-230 e Cerdedo-Caroi, entre outras, o que suporá un investimento global superior aos 8 millóns de euros en dous anos.
Relacionadas:
-
Impulsan un servizo para retirar e tratar os lodos das 24 depuradoras de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
A Xunta anuncia o inmediato inicio das obras do saneamento en Tenorio
Por Redacción |
-
Denuncian unha vertedura no Lérez procedente da depuradora de Viascón
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade disporá xa este ano de dúas vivendas sociais
Por Oskar Viéitez |
-
A primeira fase da mellora da PO-234 quedará rematada neste verán
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade repasa con Feijóo os proxectos da Xunta no municipio
Por Redacción |
-
Cambios no proxecto obrigan a ampliar as expropiacións para o saneamento de Tenorio
Por Redacción |
-
Cubela amósase convencido da cesión gratuita de todos os terreos afectados polo saneamento de Tenorio
Por Redacción |
-
Buscan a colaboración dos veciños para que cedan terreos para o saneamento de Tenorio
Por Redacción |