Tres persoas detidas por simular o roubo dun coche para non pagar varias multas
Por Redacción
Máis de 4.000 euros. É a contía das multas que a propietaria dun coche pretendía evitar simulando que lle roubaran o vehículo. A Garda Civil detivo tres persoas en relación con estes feitos, investigadas por estafa e simulación de delito.
Segundo informou o instituto armado, a investigación ten a súa orixe na localización, o pasado mes de novembro, dun coche mal estacionado, ocupando parte da calzada, na denominada rotonda do Convento, en Poio.
Tras identificar á súa propietaria, os axentes descobren que a muller denunciara no xulgado o roubo deste coche, directamente no xulgado, seis meses atrás.
A dona do coche explicara que llo subtraeran do interior dunha leira en Bueu, xunto con outro vehículo da súa ex parella.
Pero a través das súas investigacións, a Garda Civil puido determinar que os dous vehículos foran vendidos a terceiras persoas e que a denuncia presentada no xulgado polos seus anteriores propietarios non tiña outra finalidade máis que evitar o pago das sancións de tráfico que pesaban sobre eles, cuxo importe superaba os 4.000 euros.
Xunto cos anteriores propietarios dos vehículos, A.C.R., de 33 anos e veciña de Pontevedra e JM.L.R., de 41 e veciño de Bueu, que foron detidos por senllos delitos de estafa e simulación de delito, procedeuse tamén á detención dun familiar do segundo deles, MA.C.L., de 27 anos e veciño de Barro, pola súa colaboración nos feitos.
As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de instrución número 2 de Marín.