Ponte Caldelas programa un concerto, unha exposición e unha charla polo 8 de marzo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas ten programados para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, diversos actos abertos a toda a cidadanía que contarán coa participación activa das tres asociacións femininas do municipio.
Arrancan ás 20.00 horas e terán como elemento simbólico o evento "Atando lazos", pensado para dar a máxima visibilidade a todas as mulleres que asistan. O Concello, coa intención de que sexa unha xornada moi participativa, enviou invitacións expresas ás mulleres de Ponte Caldelas.
Ás 20.45 horas o alcalde, Andrés Díaz, lerá o manifesto institucional do Goberno local tripartito e ás 21.00 horas quedará inaugurada a exposición "Mans de Muller", da Fundación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur). Despois dará comezo un miniconcerto do cantautor Manoel de Felisa.
A programación polo 8 de marzo rematará o próximo día 16 cun relatorio sobre "Emprendemento feminino no rural", a cargo de responsables de Fademur.
Finalmente, anúnciase o total respecto do Concello pola convocatoria da folga do 8 de marzo, que se cualifica como "totalmente xusta e acertada".