Vilanova cede o Pazo de Vista Real para a inserción laboral de persoas con discapacidade
Por Redacción
O Pazo de Vista Real será o espazo que os integrantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) poderán utilizar para atopar emprego tras a firma dun convenio de colaboración entre o alcalde do Concello de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e o presidente deste organismo, Anxo Queiruga.
A cesión permitirá á confederación dispoñer dun punto de información, asesoramento e espazo formativo dentro do municipio, onde poderá desenvolver actividades vinculadas ao servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego, dirixidas a persoas con discapacidade residentes na comarca do Salnés.
Desta forma mellorarán as oportunidades de inserción laboral ao permitir que dous orientadores laborais do programa Máis Emprego que desenvolve COGAMI, poidan atender a persoas con discapacidade demandantes de emprego da comarca a través da realización de itinerarios integrados para inserir sociolaboralmente a aquelas persoas en risco de exclusión social.
O programa dura sete anos e está financiado polo Fondo Social Europeo e a Fundación Bancaria a Caixa.
No Pazo de Vista Real, os orientadores laborais realizarán entrevistas individuais para coñecer os intereses dos usuarios. A partir de aí traballarán as súas competencias e realizarán talleres formativos para que se integren no mercado laboral.
O alcalde de Vilanova animou a outras entidades sociais a sumarse á utilización destas instalacións. O servizo de Intermediación e Orientación Laboral xa visitou 14 empresas do municipio ás que asesora para que leven a cabo contratacións, bonificacións e adaptacións de postos de traballo e tamén lles facilita persoas para que se incorporen a un emprego.
O servizo de orientación laboral de COGAMI conta con 67 persoas inscritas como demandantes de emprego ou de formación.