PSOE e Cidadáns 'plantan' a Canda pola súa proposta para cambiar a hora dos plenos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os portavoces do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, e de Cidadáns, Andrés Cal, anunciaron que darán plantón ao alcalde da Lama, Jorge Canda, que pretende aprobar este xoves o cambio dos horarios de celebración do pleno ordinario das 21:00 horas ás 14:00 horas.
Ambos os políticos están en contra da proposta do alcalde que busca, segundo denunciaron, que os concelleiros da oposición "non poidan asistir polas súas responsabilidades laborais e sacar adiante as súas propostas sen posibilidade de compensar os debates".
"É un acto autoritario dun alcalde en decadencia que con desesperación busca a maneira de controlar as sesións plenarias aproveitando dos compromisos laborais dos concelleiros da oposición", afirmaron Vaqueiro e Cal.
Os catro concelleiros socialistas e o de Cidadáns decidiron non asistir á sesión plenaria convocada para este xoves ás 14:00 horas, pois o alcalde leva a proposta a ese pleno extraordinario.
No último pleno a iniciativa non saíu adiante porque un dos concelleiros do PP renunciara á súa acta e non estaba na sesión. O resultado da votación foi un empate e Jorge Canda negouse a exercer o seu voto de calidade como presidente do pleno, polo que a proposta foi retirada e aprazada para a seguinte sesión.
NOVOS PROXECTOS
Tras a celebración do Pleno, e confirmada a ausencia da oposición, Jorge Canda quixo reflexionar acerca das posibles dificultades laborais de asistencia da oposicion argumentando que "non nos consta que os membros da oposición teñan declaradas obrigas laborais que lle impidan a súa presenza no Pleno".
Na súa opinión, "esta pose obedece máis a un interese mediático preelectoral que a un problema real, porque non saben a que recorrer para saír na prensa porque non presentan iniciativas e alternativas solventes para os cidadáns e teñen que recorrer á rabecha e ao espectáculo".
O Pleno aprobou, cos votos en solitario do grupo de goberno, os proxectos de construción de novas traídas de auga para as parroquias de Xesta e Barcia do Seixo por un importe global duns 267.000 euros que serán executados con cargo ao Plan Concellos da Deputación en dúas anualidades.
A sesión serviu para aprobar, cos votos do grupo de goberno, o cambio habitual do horario de celebración dos plenos das 21.00 horas da noite para as 14.00 do mediodía, para o que se facilitou tamén un calendario con datas concretas, maioritariamente os luns, para realizar as reunións deste órgano de goberno.