O xerente da área sanitaria supervisou o remate das obras no centro de saúde de Cerdedo
Por Redacción
O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez, acompañado polo presidente e o vicepresidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, supervisou este mércores o remate das obras do novo espazo de usos polivalentes que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ven de incorporar ás dependencias de Atención Primaria do centro de saúde de Cerdedo.
Emprazado na entrada deste edificio asistencial cerdedense, o novo espazo de usos polivalentes dispón de conexión á rede telemática de voz e datos do Sergas e conta con luz natural a través dun ventanal.
A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés investiu un orzamento de 15.000 euros para dita ampliación arquitectónica.
As instalacións asistenciais de Atención Primaria do Sergas na localidade de Cerdedo dispoñen dun Punto de Atención Continuada -PAC- e de consultas para Medicina Xeral, Enfermaría, Pediatría, sala de extraccións, así coma unha área de traballo e de estancia para o persoal sanitario, que agora se incrementan coa incorporación deste novo espazo de usos polivalentes.