"Sorpréndeme o permanente enfado co resto do mundo do Concello de Ponte Caldelas"
Por Oskar Viéitez
"O alcalde de Ponte Caldelas está permanentemente enfadado, eu aconsellaríalle autocrítica e que fale coas administracións". Así respondeu este mércores a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez á denuncia do rexedor caldelán Andrés Díaz sobre a existencia dunha "rede clientelar e caciquil da Consellería de Infraestruturas e algúns alcaldes do PP" en relación co proxecto de mellora da estrada autonómica PO-230 que conecta Campolameiro e Vichocuntín.
A consellería matizou este mércores que será o Concello de Cerdedo-Cotobade o que asumirá o custo das expropiacións deste viario a través dun convenio que asinará coa administración autonómica. "Unha fórmula de colaboración idéntica a do Concello de Ponte Caldelas", destacou.
A execución desta tramitación será levada a cabo a través de Infraestruturas, "co obxectivo de que sexa o máis rápida e áxil posible", xa que o obxectivo é licitar as obras nas próximas semanas.
Ethel Vázquez indicou que en total, será precisa a expropiación de varias leiras para acometer as obras, o que supoñerá un custo duns 6.350 euros. O resto de parcelas necesarias foron cedidas de maneira gratuíta polos veciños tras a mediación do concello.
Esta actuación ten por finalidade mellorar a seguridade viaria e supoñerá un investimento da administración autonómica de máis de 610.000 euros.
"Sorpréndeme o permanente enfado co resto do mundo do Concello de Ponte Caldelas", dixo a conselleira. "A fórmula é colaborar e traballar da man", concluíu Ethel Vázquez.