A Xunta espera iniciar as obras da senda entre Covelo e Raxó a finais deste verán
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, acudiu este mércores a Raxó, "un lugar onde veraneaba de pequena", para informar os veciños dos avances no proxecto de creación dunha senda para peóns e ciclistas de 3,7 quilómetros entre Covelo e Raxó, ao longo da estrada PO-308.
A idea é completar a zona urbana con beirarrúas por ambas as marxes. Tamén se contempla a creación de zonas de aparcadoiro, executaranse colectores e canalizacións de pluviais e renovarase a iluminación e varandas.
O proceso expropiatorio para esta nova senda empezou o ano pasado, despois de estar sometido a exposición pública, e a pasada semana publicouse o decreto de utilidade pública e urxente ocupación que habilita á consellería para materializar as expropiacións.
Ademais este mércores o Diario Oficial de Galicia publica a licitación desta senda por dous millóns de euros. Ethel Vázquez espera que as obras se poidan iniciar a finais deste verán e tras doce meses de execución póidanse estrear no ano 2019.
Estas obras complementaranse e estarán coordinadas con outra importante actuación na PO-308 coa construción de dúas novas glorietas, unha semiglorieta, un carril de aceleración e a corrección de varios xiros á esquerda, para eliminar os tramos de concentración de accidentes nesta estrada autonómica que comunica Pontevedra e Sanxenxo.
Este segundo proxecto, está en proceso de exposición pública, e supón un investimento dun millón de euros. A conselleira confía en que se poida aprobar en abril o decreto de urxente ocupación e seguidamente licitar as obras.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, agradeceu que a consellería atenda esta "demanda histórica" de mellora de seguridade nesta "arteria principal" do municipio que soporta unha gran intensidade de tráfico.
Relacionadas:
-
A Xunta convoca aos afectados polas expropiacións da senda entre Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
Tres persoas feridas, unha de gravidade, nun accidente de tráfico en Covelo
Por Redacción |
-
Comezan as expropiacións para a execución da senda entre Covelo e Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta aproba a expropiación de terreos en Poio para crear a senda entre Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
Tres glorietas en Samieira, Covelo e Raxó para mellorar a seguridade da PO-308
Por Redacción |