Protección Civil de Caldas estrea páxina web
Por Redacción
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, agradecía este martes o labor "imprescindible" que realizan os membros de Protección Civil ofrecendo colaboración e atendendo as demandas veciñais. No acto de presentación da nova web da agrupación, o rexedor destacou que os caldenses trasladaron ao Concello a súa satisfacción polos servizos que presta este colectivo de voluntarios á vila.
José Sieiro, presidente da agrupación municipal de Protección Civil, tamén ofreceu un balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2017, un ano no que levaron a cabo 637 servizos globais, con 111 intervencións por accidentes de tráfico e destacou a súa preocupación polo incremento de avisos por presenza de animais que ascenderon a 154 fronte aos 115 do ano anterior.
O responsable dos voluntarios destacou a colaboración con outros organismos como a Garda Civil, Policía Autonómica e Augas de Galicia nas intervencións en grupo ambiental, que foron 8 ao longo de 2017. Tamén interviñeron na extinción de 15 incendios, coa colaboración da consellería do Medio Rural. Ao longo do ano realizaron diversas coberturas en 234 operativos en probas deportivas, eventos sociais e festivais.
José Sieiro alertou da preocupación que supuxo a presenza da avespa velutina. Rexistraron 127 avisos do 012 da Xunta de Galicia, que supuxeron un "gran esforzo municipal e dos voluntarios". O responsable de Protección Civil lamentou tamén a desinformación xeral que detectaron entre os afectados e o alarmismo provocado debido á falta de información sobre o insecto.
NOVA PÁXINA WEB
A nova páxina conta con dominio galego .gal e Sieiro agradeceu aos que doaron o dominio e o aloxamento de almacenamento.
Desde esta web quérese reflectir a actividade de Protección Civil, ofrecer información ao peregrino sobre o Camiño Xacobeo e promover campañas que sirvan de axuda aos veciños.
Relacionadas:
-
Protección Civil de Caldas, "ao límite da súa capacidade" ante os avisos por avespa velutina
Por Redacción |
-
Evacuadas tres persoas, unha delas en helicóptero, tras un accidente en Caldas
Por Redacción |
-
Protección Civil de Caldas reforza o seu servizo cunha unidade de drons
Por Redacción |
-
Caldas de Reis quere crear un grupo de colaboradores de Protección Civil
Por Oskar Viéitez |