Atención catastral para os cidadáns de Portonovo
Por David Arana
O Concello de Sanxenxo pediu á Dirección Xeral do Catastro a instalación dunha oficina de información cidadá relacionada coa notificación da regularización de inmobles por parte da Xerencia Territorial do Catastro, que no ano 2017 levou a cabo unha revisión dos inmobles urbanos da localidade.
O goberno municipal pretende desta maneira "facilitar as xestións e proporcionar asesoramento aos veciños, para que poidan solucionar calquera dúbida ou consulta referente a esta revisión", axudándolles con calquera dúbida que poida xurdir durante o exercicio catastral.
Esta nova oficina encargarase de mediar nas consultas e os trámites dos cidadáns, especialmente en relación á documentación, ao recheo de impresos, consulta de rexistros, modificación de datos e titularidade ou solicitude de axuda, segundo informa o Concello de Sanxenxo. Este novo espazo terá un carácter plenamente informativo e contará con persoal cualificado dependente do ORAL de Pontevedra para atender á xestión cidadá.
A oficina será instalada no Edificio de Usos Múltiples de Portonovo e poderá ser visitada a partir do luns 5 de marzo en horario de 9:00 a 15:00 horas por calquera cidadán que requira de asistencia en relación ao proceso catastral.