A Lama estuda novas novas traídas de auga para Xesta e Barcia de Seixo
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, someterá a aprobación do próximo pleno da corporación municipal os proxectos de construción de novas traídas de auga para as parroquias de Xesta e Barcia do Seixo por un importe global duns 267.000 euros que serán executados con cargo ao Plan Concellos da Deputación en dúas anualidades.
Jorge Canda levará ao pleno do próximo xoves 1 de marzo os proxectos que darán resposta ás necesidades de abastecemento de auga das parroquias de Xesta e Barcia do Seixo. No caso do primeiro, contará cun orzamento de 149.000 euros e o investimento será amortizada como investimento municipal do Plan Concellos nas anualidades de 2018 (o 40%) e de 2019, o outro 60% restante.
En canto ao de Barcia do Seixo sinalar que se trata dun investimento municipal, tamén a conta do Plan Concellos, por importe de 118.000 euros e que será amortizado tamén en dúas anualidades, o 45% neste exercicio e o 55% restante abonarase con cargo aos orzamentos do ano 2019.
Este proxecto contempla a captación, depósito e rede de distribución de auga de uso doméstico en O Borralleiro, Carballeira, Eido Macho, Eidotendeira y Barcia do Seixo, no municipio da Lama.
Por outra banda, Blanca María Pacheco Moreira, que ocupaba o oitavo lugar na lista do PPdeG ocupará na sesión do próximo xoves 1 de outubro a vacante deixada por Geni Ramallo. Tamén o grupo de goberno, que volverá contar con maioría absoluta, exporá a necesidade de cambiar o horario de celebración dos plenos municipais das 21 horas ás 14 horas.
Para facilitar a asistencia de todos os concelleiros ao pleno da corporación, o grupo de goberno facilitará con suficiente antelación as datas previstas para a celebración das reunións ordinarias co fin de que poidan organizar as súas respectivas axendas e solicitar as autorizacións laborais que fosen pertinentes para permitir a normal concorrencia dos edís electos.