Sete de cada dez adolescentes navegan pola Internet sen control algún
Por Alejandro Espiño
As novas tecnoloxías e os teléfonos móbiles son xa unha ferramenta diaria para os adolescentes de Pontevedra. Pero, os pais controlan o uso que se fai destes dispositivos? Parece que non todo o que sería aconsellable, segundo os datos que desvela o Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas.
O estudo realizado do uso das novas tecnoloxías entre 2.937 alumnos dos institutos de Pontevedra revela que case sete de cada dez rapaces (67,5%) navegan pola internet sen que os seus proxenitores lles poñan ningunha ou poucas limitacións.
Un 35,6% dos adolescentes contactaron con descoñecidos por internet (22,7% son menores de 14 anos) e un 16,7% deles quedaron con persoas que coñeceran exclusivamente a través da rede.
Outros datos preocupantes sinalan que un de cada catro rapaces (24,9%) entraron en páxinas con contido erótico e o 7,3% teñen apostado en plataformas de xogos online.
Este uso de internet provoca que un 23,3% recoñeza que descoidan tarefas escolares ou renden menos en exames e un 56,2% senten moitas veces que o tempo lles voa e que pasan as horas sen darse conta cando se conectan a internet. Ademais, un 17,1% dos mozos aseguran que dixeron ou fixeron cousas en internet que non farían ou dirían en persoa.
O uso do móbil tamén é moi elevado. Un 85% dos rapaces dos institutos de Pontevedra teñen teléfono propio con conexión a internet. De todos eles, o 75,7% tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e aos 13 anos e un 30,4% contaron con el cando só tiñan 12 anos.
Todas estas condutas que, nalgúns casos, poden xerar comportamentos adictivos son tratadas nos diferentes obradoiros e programas que, de cara á súa prevención, se desenvolven nos centros educativos da cidade.
No curso pasado fixéronse intervencións en 130 grupos de aula, cun total de 3.001 alumnos, o que dá un total de 520 horas de intervención en 11 institutos da cidade. Este curso 2017-2018 este número aumentará pola maior demanda dos centros de FP.
Até o mes de maio celebrarán estes cursos arredor de 3.000 alumnos que se desenvolverán en todos IES e nos centros de FP, a través do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas en colaboración coa Consellería de Sanidade.
Participan nestes obradoiros o IES Luís Seoane, Xunqueira I, Xunqueira II, FP A Xunqueira, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Sagrado Corazón de Jesús, Sagrado Corazón de Praceres e Casalancias.
Ademais, tamén haberá actividades para os pais e as nais para abordar con eles o mal uso das novas tecnoloxías. Con eles, traballarase para adquirir a conciencia de que é mellor educar que prohibir no uso da tecnoloxía, para dar a coñecer pautas de actuación básicas para acadar unha navegación segura e para concienciar da educación e valores para superar os principais problemas que vai asociado a este mal uso.