Unha concentración veciñal reclama máis medios para o centro de saúde de Baltar
Por Redacción
Máis dun cento de veciños de Sanxenxo concentráronse diante do centro de saúde de Baltar, en Portonovo, para demandar á administración sanitaria galega que se cubran as prazas vacantes que existen para mellorar á atención aos cidadáns.
Os manifestantes tamén reclamaron máis medios para o servizo de pediatría, unha ambulancia medicalizada para todo o ano, un reforzo do persoal en todas as áreas, a restauración do plan funcional do centro e a solución das deficiencias que se aprecian nas instalacións.
Os veciños aseguran que "cada día hai máis queixas por chegar ás citas médicas e encontrarse con que o médico non está por ter que saír na ambulancia a unha urxencia ou simplemente que colleu unha baixa e se lle endosa o traballo a outro compañeiro coa sobrecarga que isto provoca ao non poñer substituto".
A pesar de que a valedora do pobo "tirou das orellas" á Consellería e que esta se comprometeu a proporcionar pediatras, "o certo é que non hai indicios de que isto vaia a mellor, senón todo o contrario ", denuncian.
Adiantan que o próximo Venres Santo levarase a cabo unha manifestación similar á de hai un ano e non descartan celebrar unha concentración diante da Consellería de Sanidade "dado que parece que non se decatan de que os problemas e deficiencias do centro de saúde de Baltar non se soluciona con ampliar o mesmo".
Os veciños reclaman dotalo de medios e persoal e, a partir de aí, "estudar a posibilidade de ampliación e facelo da forma máis eficiente posible, e non só para quedar ben".
Relacionadas:
-
O centro de saúde de Baltar estrea espazos renovados
Por Redacción |
-
Non hai pediatras nas listaxes do Sergas para cubrir prazas no Centro de Saúde de Baltar
Por Redacción |
-
Sanidade comprométese a buscar solucións á falta de pediatras en Baltar
Por Redacción |
-
Usuarios do centro de saúde de Baltar volverán mobilizarse polas carencias
Por Oskar Viéitez |