Os socialistas esixen medidas "inmediatas" ante o colapso en Montecelo
Por Redacción
Para os socialistas, os episodios de colapso que se están a vivir en Montecelo non son un problema "puntual", senón unha cuestión "estrutural" do sistema sanitario en Pontevedra. De aí que esixan á Xunta de Galicia que adopte medidas "inmediatas" para corrixilo.
"O mal funcionamento do servizo de Urxencias non é un asunto illado. O problema é que todo o sistema está a funcionar mal", denuncia Víctor Pedreira, secretario do PSdeG-PSOE en Pontevedra para asuntos de sanidade.
Pedreira aprecia unha atención primaria "depauperada", un sistema de Puntos de Atención Continuada (PAC) que resultan "ineficaces", un seguimento "deficiente" dos enfermos crónicos, un "insuficiente" desenvolvemento da cirurxía ambulatoria e da hospitalización a domicilio ou un déficit "histórico" de camas, que agrava a situación das urxencias.
Ante esta situación, os socialistas de Pontevedra reclaman o "compromiso serio" da Xunta de Galicia de dotar orzamentariamente a construción do novo hospital público en Montecelo, acurtando os prazos previstos.
Antes de iso, engaden, sería necesario dotar aos PAC de medios técnicos de diagnóstico "axeitados", actuar de maneira inmediata para reorganizar as urxencias e ampliar o seu persoal, desenvolver a hospitalización a domicilio, adoptar medidas organizativas para axilizar os ingresos e as altas ou implantar programas de atención aos procesos crónicos.
"A sanidade publica é o noso patrimonio e temos que defendela daqueles que, como os gobernos do PP, queren destruíla para beneficiar as empresas privadas", engadiu o secretario local de sanidade do PSdeG na cidade.
Relacionadas:
-
Diagnostícanlle gastroenterite en A Parda, pero resultou ser apendicite
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública pide transparencia nas listaxes de espera dos hospitais
Por Anxo Lourido |
-
Gonzalo Caballero acusa á Xunta de "marear a perdiz" e non avanzar co novo Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Prosagal denuncia deficiencias no Hospital Provincial que se repiten despois de repararse
Por Redacción |
-
Piden medidas inmediatas ante a "masificación" do servizo de Urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
Recriminan ao Sergas a falta de previsión para evitar os colapsos en Montecelo
Por Anxo Lourido |