Rosalíate, proposta de Pontevedra para conmemorar o Día de Rosalía
Pontevedra non foi allea a todas as homenaxes que, ao longo de todo o país, estanse a celebrar o Día de Rosalía, que conmemora este sábado 24 de febreiro o nacemento de Rosalía de Castro, o grande referente das letras galegas.
O tramo peonil da rúa Rosalía de Castro encheuse de música en vivo, poesía e reivindicación en torno á figura e á obra de Rosalía.
Baixo o lema Rosalíate, os pontevedreses que se achegaron ata a zona puideron gozar do talento musical de Laura Solla, Yoli Saa, Heva e Bea Mazaira que puxeron melodía á poesía de Rosalía, dunha acción poética-reivindicativa guiada por Tamara Andrés e dunha lectura-aberta de poesía da poeta galega.
As actividades, que incluíron degustacións gastronómicas nos establecementos de hostalería da zona, concluíron cunha sorprendente perfomance na escultura da Tertulia, na praza de San Xosé.
O conxunto escultórico conta cunha nova figura, a de Rosalía, que de xeito efémero acompañou os integrantes deste espazo, un dos lugares máis fotografados da cidade.