Prosagal denuncia deficiencias no Hospital Provincial que se repiten despois de repararse
Por Redacción
A asociación Prosagal faise eco das queixas dos traballadores do Hospital Provincial, que denuncian unha situación deficitaria das instalacións do Hospital Provincial e que as reparacións que se fixeron nos últimos meses para reparar algúns dos problemas denunciados non foron efectivas.
Respecto diso, lembran que en novembro o persoal denunciou as pingueiras que había nos vestiarios femininos do Hospital Provincial e, tras facer pública a queixa, realizáronse reparacións. Esta semana as pingueiras volvían facer acto de presenza e este xoves os traballadores atopáronse con que non podían acceder aos vestiarios.
As queixas inclúen problemas nun ascensor, que estivo catro semanas estragado e, tras arranxalo, volveu a deixar de funcionar. "Póñenlle unha nota e listo, como se pode ver na foto que se adxunta", sosteñen desde Prosagal.
Nesta ocasión, leva tres días sen funcionar. Trátase dun ascensor situado fronte á entrada principal do Hospital Provincial e utilízase para o traslado de pacientes en cama ou para facerlles calquera tipo de probas ou ingresalos.
Este colectivo denuncia que os problemas neste ascensor dificultan as tarefas do persoal e esta avaría repercute na calidade asistencial, en especial nestes días de gran saturación para o persoal debido á sobrecarga de traballo producido pola gran afluencia ás urxencias.
Con esta queixa pretenden conseguir unha solución rápida para o persoal e para que estas avarías non repercutan na asistencia aos pacientes e tamén preguntar "a que tipo de empresas privadas lle encargan o arranxo destas avarías?".