Telmo Martín retoma cos veciños o proxecto de senda fluvial ao longo do río Fabaíños
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de medio ambiente, Juan Deza, reuníronse coas asociacións de veciños de Arra, Noalla e a de Adina, co propósito de retomar o proxecto dunha senda fluvial ao longo do río Fabaíños, xa que é intención do goberno local potenciar e poñer en valor as sendas do municipio.
O anterior goberno encargara un anteproxecto e, na reunión mantida este xoves coas asociacións, estas comprometéronse a xestionar cos propietarios a cesión voluntaria dos terreos afectados polo trazado da senda. Así, á vez que se conseguen estas cesións, o goberno encargará o proxecto de execución que permita a súa construción.
Para iso, unha vez establecido o orzamento total da actuación, o goberno local buscará a colaboración no financiamento doutras administracións.
Con este proxecto preténdese potenciar a área fluvial do río Fabaíños, mediante a creación dunha ruta de sendeirismo de 4.655 metros, que percorra as inmediacións da canle, desde a contorna do mercado de abastos de Portonovo, ata o cruceiro de Monte Faro.
O goberno bipartito pretende aproveitar con esta ruta as oportunidades que brinda o rural de Sanxenxo, potenciando o seu aproveitamento como recurso turístico, ofrecendo alternativas de ecoturismo cada vez máis demandadas. E, sobre todo, dando un valor engadido á paisaxe tradicional da zona, e promovendo unha alternativa ao turismo de sol e praia.
O obxectivo da execución desta senda é a súa inclusión na Rede de Sendas de Pequeno Percorrido de Galicia, para o que é necesario que unha vez executada, se solicite a súa homologación pola Federación Galega de Montaña.