O Pleno da Deputación acorda incorporar case 31 millóns de euros ao seu orzamento
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra arrincou cun xesto de agarimo cara ao deputado do PP, José Manuel Figueroa polo recente falecemento do seu pai. Ademais aos membros da Corporación entregóuselles unha flor de camelia no marco dos actos organizados polo Día de Rosalía de Castro.
Houbo dúas intervencións fóra da orde do día, unha por parte do comité de empresa de Madeiras Iglesias en defensa dos seus postos de traballo e outra máis dos veciños de Baredo, en Baiona, en contra da construción dun campo de golf en terreos expropiados á comunidade de montes.
O debate político arrincou coa aprobación dunha modificación de crédito de case 31 millóns. Segundo o vicepresidente, César Mosquera, a Deputación de Pontevedra é a primeira administración local en Galicia que incorpora os seus remanentes líquidos e suplementos de crédito o que denota, a xuízo do mandatario nacionalista, "unha capacidade de xestión que non ten ningunha outra administración" e tamén que o Goberno provincial "ten proxecto" e unha "folla de ruta clara".
Con todo, para o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, no bipartito PSOE+BNG "quérennos vender a súa falta de execución como un éxito" e asegurou que na Deputación, de cada 10 euros só gastaron 3.
O deputado delegado de economía, Carlos López Font, cualificou as teses do PP como "falsedades e información tergiversada" e defendeu a "brillante gestión" do goberno presidido por Carmela Silva vinculando a reacción do PP ao seu "descenso electoral".
Finalmente a modificación de crédito foi aprobada cos votos do Partido Socialista e do Bloque o que permitirá á Deputación incorporar máis de 30 millóns de euros ao orzamento de 2018 que alcanzará os 190 millóns que servirán de apoio aos concellos para garantir servizos respectando a autonomía local e dedicando máis recursos aos concellos máis pequenos, tal e como xustificou López Font.