O Lérez estrea unha renovada praia fluvial
Os pontevedreses poderán gozar, a partir de este venres, da renovada praia fluvial do Lérez. Tras máis de dous meses de traballo, o areal estrea nova imaxe.
Estes traballos de acondicionamento, executados pola empresa COVSA, tiveron un custe de case 230.000 euros. Actuouse en toda a praia, que ten unha superficie de 29.400 metros cadrados e cunha zona de baño de 6.076 metros cadrados
Acompañado do concelleiro de parques, Alberto Oubiña, de técnicos municipais e de responsables da empresa, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou a praia para supervisar o remate destas obras.
Fernández Lores recordou que a praia fluvial xa ten oito anos e estaba "algo deteriorada", polo que era necesario facer unha reforma en profundidade coa retirada da area, da capa xeotéxtil para evitar que se unan os lodos e a area e posteriormente volver a estirar a area.
Os traballos fixéronse mantendo unha barreira de anticontaminación para evitar danar o leito do río e creando unhas vías de acceso dentro da praia para os camións que traballaron no areeiro. Toda a superficie que empregaron os camións xa está restaurada.
A intervención completouse coa mellora das duchas e do acceso á praia, o pintado da caseta dos socorristas e a renovación da tarima e da senda peonil lateral. Tamén se fixo un novo acceso de formigón pola parte de atrás da caseta dos socorristas.
Os traballos están xa rematados á espera de que naza a herba na zona sementada, polo que o alcalde fixo un chamamento aos veciños que empreguen nestes días a praia fluvial para que respecten a zona de terra vexetal ata que creza a herba.
O goberno municipal confía en que o prazo dun mes, toda a praia, zona verde incluída, poderá estar en condicións de empregarse con normalidade.