Os pontevedreses alzan a voz por unhas pensións dignas
Ao longo de toda a xeografía española celebráronse este xoves ata 90 concentracións en protesta da xestión do goberno do estado en materia de pensións. En Pontevedra, esta manifestación tivo lugar na Praza de España, convocada polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN) e con Victoria Portas, portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, á cabeza.
Centos de persoas plantáronse nesta céntrica praza ao berro de "que non nos roben as pensións" e " máis pensións, menos corrupción", en defensa dos dereitos dos pensionistas.
Estas protestas teñen lugar despois do anuncio da subida das pensións por parte do goberno nun 0,25%, o que indignou aos cidadáns de todo o país e desembocou en manifestacións, nas que a gran maioría dos asistentes son persoas xubiladas e pensionistas, pero entre os que tamén se atopan persoas máis novas. Este 2018 é o quinto ano consecutivo en que as pensións soben o mínimo legal establecido, un feito que aumentou o descontento xeral e que non fai máis que fomentar o aumento dos fondos privados de pensión que a maior parte da poboación non se pode permitir.
Os protestantes esixían a revalorización das pensións por IPC real e o respecto ao dereito dos cotizantes a recibir unha pensión digna tras 40 anos de traballo, e tamén mostraban o seu descontento ante a corrupción e instaban os máis novos a unirse á protesta para loitar polos dereitos dos traballadores ante "un goberno ao que non lle importa a clase traballadora".
No acto se pronunciou tamén un comunicado por parte do Colectivo Feminista de Pontevedra, no que se chamaba ás mulleres para unirse á folga programada para o 8 de marzo en protesta contra a situación precaria da muller no país.
Relacionadas:
-
"A reforma das pensións é para machacar a xente nova"
-
RADIO.- Alejandro Ruetter: "O problema das pensións non é noso, é das xeracións próximas"
Por Marisa Ciordia |
-
Os xubilados saen á rúa para loitar polas súas pensións
Por Redacción |
-
Piden estabilidade no emprego para manter o sistema público de pensións
Por Redacción |
-
A eurodeputada Lidia Senra chama á mobilizarse o 22 de febreiro na defensa das pensións públicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |