Os sindicatos convocan unha folga na sanidade privada
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos CIG, Comisións Obreiras e UXT propoñen unha folga na sanidade privada afectada polo convenio provincial de hospitalización e internamento para os días 7, 14, 21, 26 e 27 de marzo.
A central nacionalista CIG xustifica esta medida de protesta despois de ano e medio de negociación "fracasada polo empeño dos empresarios do sector privado da sanidade de seguir precarizando o sector".
Segundo a CIG a actitude da patronal é "inadmisible" xa que "primeiro negáronse a negociar o convenio que rematou en decembro do 2013 e despois enlenteceron e torpedearon a negociación".
A patronal do sector ofertou unha paga non consolidable do 0,65% polos 3 anos (2014, 2015 e 2016) e incrementos do 1,25 para 2017, 1,50 para o 2018 e 1,75 para o 2019.
Na xornada laboral seguen propoñendo 1.763 horas/ano, lonxe das 1.729 reivindicadas polos sindicatos. Non melloran ningún dos demais conceptos: pluses, licencias, "e incluso empeoran algunhas cuestións que a lei establece" como é o dereito a acompañar a un fillo menor ao pediatra.
O vindeiro mércores 28 de febreiro haberá unha asemblea informativa en Pontevedra na que pedirán a ratificación da folga e a súa posible ampliación no mes de abril e outras medidas de presión, "se non hai modificacións na posición dos empresarios".