A Garda Civil incauta unha partida de bolsos e roupa falsificada en Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil incautouse dunha partida de roupa e bolsos, supostamente falsificados, nun control selectivo de vehículos no municipio de Ponte Caldelas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon durante a tarde do xoves pasado, día 8, no transcurso dun control selectivo de vehículos que estaba a realizar a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil adscrita á Compañía de Pontevedra, nos accesos ao mercadillo municipal que se celebraba na localidade de Ponte Caldelas.
En tres dos vehículos inspeccionados, a Garda Civil atopou unha importante cantidade de roupa e bolsos con etiquetas, supostamente falsificadas, de acreditadas firmas comerciais, que presuntamente se pretendía vender no mercadillo, en postos de venda ambulante de Cotobade. Ademais, nun dos vehículos localizouse un lote de CDs musicais e películas en formato DVD.
Ao comprobar os compoñentes da patrulla que os condutores dos vehículos, todos eles conducidos por cidadáns de nacionalidade senegalesa, residentes en Pontevedra e Poio, carecían das correspondentes facturas de compra, así como da preceptiva autorización das marcas rexistradas afectadas, procedeuse á incautación preventiva de máis de 124 pezas de vestir e 124 bolsos, ademais de 364 copias de CDs musicais e 141 copias de películas en formato DVD, cuxo valor total no mercado pode superar os 31.000 euros.
En consecuencia, investígase penalmente aos condutores por senllos delitos contra a propiedade industrial, no caso da roupa e os bolsos, e contra a propiedade intelectual no referente aos CDs musicais e as películas.
A mercadoría aprehendida e as dilixencias instruídas serán entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.