A Xunta recoñece que non cometeu ningún delito a veciña de Vilaboa á que acusaba de construír a súa casa ilegalmente
Por Oskar Viéitez
O xulgado do Penal número 2 de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra a veciña de Vilaboa, Esther Mariño, acusada de cometer un suposto delito urbanístico, en relación á construción dunha vivenda, no lugar de especial protección na Graña. Enfrontábase á demolición da vivenda, unha pena de dous anos de cárcere e multa, previsiblemente, agora será absolta.
Durante a vista oral as técnicas da Axencia de Protección dá Legalidade Urbanística (APLU) admitiron que pasaron por alto unhas imaxes da Xunta de Galicia tomadas no ano 2008 nas que se demostra a existencia da vivenda en litixio o que supón a prescrición do delito.
O expediente aberto pola APLU sostíñase na inexistencia de probas para demostrar que alí existía unha vivenda con anterioridade a esa data. Foi o propio maxistrado Miguel Aramburu quen ao comprobar a ortofoto da Xunta constatou que había unha edificación que estaba terminada no ano 2008, tan e como alegaba a defensa apoiado en probas físicas e en numerosos testemuños de veciños.
En base a esas fotografías o xuíz sinalou que o delito está prescrito e por ese motivo renunciouse ao resto das probas por parte do avogado da acusada. Na súa declaración as técnicas da APLU tamén recoñeceron que o terreo no que se atopa esta vivenda de tres plantas, xa non é unha zona pertencese no seu momento á Rede Natura de especial protección ambiental, xa que se modificou no ano 2015.
O avogado da defensa, José Luis Pena, interpreta que entón no momento no que o xuíz se dá conta de que o que argumenta a acusada é certo trata de "evitar padecer a pena de banquiño" xa que ademais da demolición da vivenda esta muller enfróntase a unha condena de 2 anos de prisión e unha multa de 6.480 euros.
"Coas probas que hai", e tendo en conta o recoñecemento da existencia previa da vivenda por parte da técnica da APLU, apunta este letrado que "confío que a sentenza sexa absolutoria" pola prescrición do delito, xa que a casa estaría feita con anterioridade "e non se cometería ningunha ilegalidade ao reformala".
"Parece que o sentido común ponderou", expresou a veciña acusada.
"É un trago difícil ser acusada dun delito que non cometiches", afirmou Esther Mariño
"É un trago difícil ser acusada dun delito que non cometiches", afirmou Esther Mariño. "Creo que non se está tendo en conta que este tipo de situacións derivan de que o sistema urbanístico neste país é un caos", engadiu. "Espero que a administración sexa coherente e aplique o sentido común no resto de xuízos que están pendentes", afirmou en referencia ao resto de veciñas que se atopan na mesma situación.
Citado como testemuña neste xuízo tamén acudiu o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro e edís da corporación, ademais de técnicos municipais aínda que non foi necesaria a súa declaración.
Á saída do xulgado, José Luis Poceiro expresou a súa "satisfacción" polo desenvolvemento do xuízo e trasladou o seu desexo de que a Xunta aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vilaboa.