O Congreso insta o Goberno de Rajoy a mellorar a seguridade viaria da N-640 en Cuntis
Por Redacción
O Congreso dos Deputados aprobou este martes, coa abstención do PP, unha proposición non de lei do grupo socialista que insta o Goberno a proceder de forma inmediata a acometer as actuacións necesarias para reparar a estrada N-640 entre Cuntis e A Estrada para mellorar a seguridade viaria e tentar evitar o elevado número de accidentes que se producen nos tramos que discorren entre ambos os municipios.
Na iniciativa instan ademais o Goberno a realizar un "estudo integral e rigoroso" da N-640 en materia de seguridade viaria, prevención de accidentes e mellora de trazado, accesos e pavimentación.
En concreto, entre as actuacións reclamadas pola iniciativa socialista aprobada atópanse a reposición integral do firme da estrada, a mellora da sinalización da travesía no municipio de Cuntis, e actuacións de seguridade viaria nas parroquias de Troáns e Portela, así como no eixo das parroquias Anllada-Couselo.
O autor da iniciativa socialista, o pontevedrés Guillermo Meijón, incidiu durante o debate que "se trata dun tramo entre os concellos de Cuntis e A Estrada que a pesar de ser moi pequeno, soporta un tráfico de 5.000 vehículos diarios e ten un elevado número de accidentes". Así, segundo datos do propio Goberno, apuntou que entre os anos 2014-2017 houbo neste tramo un total de 110 accidentes, 29 deles con vítimas.
Como principais causas da elevada sinistralidade neste tramo, o deputado socialista indicou que a Memoria de Protección Civil 2017 sinala as pésimas condicións do firme, agravadas por gran cantidade de árbores e vexetación que provocan maior humidade no firme e por tanto maior esvaramento dos vehículos.
Relacionadas:
-
Tres novos accidentes constatan o perigo da N-640 en Cuntis
Por Redacción |
-
Dúas persoas resultan feridas leves nun accidente de tráfico en Cuntis
Por Redacción |
-
Unha persoa resulta ferida nun accidente entre dous vehículos en Cuntis
Por Redacción |
-
Meijón lamenta a despreocupación do Goberno de Rajoy pola seguridade viaria na N-640
Por Redacción |
-
O PSOE leva ao Congreso as queixas de Cuntis pola elevada sinistralidade da N-640
Por Redacción |