Moraña pide maquinaria a Medio Rural para a prevención e extinción de incendios forestais
Por Redacción
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu este martes á alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, para coñecer de primeira man as demandas e necesidades deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.
A alcaldesa solicitoulle á conselleira a posibilidade de contar cunha motobomba para as tarefas de prevención e extinción de incendios forestais.
A titular de Medio Rural tomou nota para a vindeira cesión destes vehículos e trasladoulle tamén a posibilidade de adquirir un tractor con desbrozadora para a limpeza da biomasa nas faixas de xestión, para o cal contaría cunha achega do seu departamento de ata 90.000 euros.
Na xuntanza tamén estiveron analizando as obras levadas a cabo nos últimos anos para a mellora e acondicionamento dos camiños de titularidade municipal, para as cales Medio Rural investiu un orzamento superior aos 300.000 euros.