O PP arremete contra o goberno bipartito da Deputación pola execución dos orzamentos
Os voceiros do PP na Deputación, Elena Muñoz e Ángel Moldes, expresaron o seu máis absoluto descontento coa xestión dos orzamentos do goberno provincial para os proxectos dos concellos no 2017. Un descontento que trasladarán ao próximo pleno, que previsiblemente se celebrará o último venres deste mes.
Elena destacou que "los datos no mienten", e tras revisar a liquidación dos fondos da Deputación destinados a proxectos para os concellos, sinala que se deixaron de gastar sete de cada dez euros nos capítulos de investimento, o que se traduce en máis de 104 millóns de euros que o goberno da Administración "no ha sido capaz de gestionar de forma eficaz".
Muñoz quixo expresar a súa perplexidade ante a actuación dun goberno que considera "inoperante" e que non é quen de atender as demandas dos veciños da provincia. Datos "absolutamente escalofriantes", e que segundo a portavoz, demostran que o goberno non quere o mellor para os seus veciños. Destacou ademais que non é unha situación novidosa, pois cada ano déixanse de investir máis de 100 millóns de euros en proxectos, algo que lles resulta "increíble", dado que o financiamento do organismo provincial para os concellos resulta "fundamental" para o desenvolvemento e mantemento dos mesmos.
O portavoz Ángel Moldes apuntou ademais que eles, desde a oposición, saben cal é o seu labor, que pasa por facer un seguimento e fiscalización dos mesmos orzamentos. Desde o PP apuntan que a Deputación atópase desde hai tempo "paralizada", algo que se demostra "ao botar man dos proxectos e plans que o mesmo goberno impulsa".
Elena Muñoz: "Non é máis que a demostración patente do seu fracaso"
Moldes quixo recalcar que, de acordo co Plan Revitaliza, de 61 concellos só cinco chegaron finalmente á última fase, algo que demostra a ineficacia do goberno en materia de consecución dos proxectos; do importe destinado a parques forestais, máis dun millón de euros, 700.000 non foron investidos finalmente. Por iso instan o goberno a deixar de utilizar a Deputación como plataforma política e que cumpran o estipulado.
Nos últimos días o goberno anunciou unha modificación de máis de 30 millóns nos orzamentos, un diñeiro que, como denuncian desde o PP, non é máis que unha parte da mesma liquidación que no ano 2017 foron incapaces de executar desde a Deputación. Por este motivo esixirán explicacións no próximo pleno ordinario, no que esperan que non se culpe aos concellos e, sobre todo, que "non se tente vender esta modificación como un éxito, pois non é máis que a demostración patente do seu fracaso".