Un motorista ferido nunha colisión cun turismo en Bueu
Por Redacción
Un motorista resultou ferido na tarde deste luns nun accidente de circulación rexistrado na avenida de Cangas de Bueu. O sinistro consistiu na colisión entre un coche e unha moto.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, o accidente tivo lugar á altura do número 14 da avenida de Cangas sobre as 16.05 horas.
Un particular alertou ao 112 Galicia e, a partir de aí, informouse do ocorrido ao 061- Urxencias Sanitarias, á Policía Local e aos Bombeiros do Morrazo.
Un dos vehículos accidentados perdeu unha gran cantidade de combustible, de modo que os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento tiveron que realizar tarefas de limpeza da vía.