Pontevedra ve "con bos ollos" unha tarifa plana para pagar impostos a prazos
Por Alejandro Espiño
Unha "tarifa plana" mediante a que os cidadáns poidan pagar a prazos todos os impostos municipais. É a idea que o Concello de Pontevedra "non ve con malos ollos" a medio prazo, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
Sería unha proposta que, en todo caso, afectaría os impostos cuxo custo non varía dun ano a outro. É dicir, a taxa de recollida de lixos, o pago polo servizo de abastecemento de auga, o IBI ou os vaos permanentes, en caso de telos.
O edil do BNG detallou que se, por exemplo, o pago que un cidadán debe satisfacer ante o Concello ascende a uns 600 euros anuais, acordaríase o pago repartíndoo cada dous meses nas mensualidades acordadas.
Este sistema que estuda o goberno municipal non se aplicaría ata mediados do próximo mandato, xa que as ferramentas informáticas que o Concello ten actualmente á súa disposición impiden controlar este fraccionamento.
A este respecto, Raimundo González lembrou que dentro do proxecto presentado á convocatoria dos fondos europeos figuran 620.000 euros para renovar o sistema informático do Concello e as aplicacións que se utilizan na súa xestión diaria.