O aviso dun cidadán anónimo permitiu deter a un home cun quilo de heroína
Por Redacción
O aviso dun cidadán anónimo á Policía Nacional permitiu deter un mozo de 25 anos como presunto autor dun delito de tráfico de drogas e a intervención dun quilo de heroína en Barrantes, na localidade de Ribadumia.
Segundo informou a Policía Nacional, o cidadán anónimo informaba de que un mozo coñecido pola súa vinculación co tráfico de drogas ía realizar esa mesma tarde unha transacción de droga nas inmediacións de Barrantes.
Tras a alerta, púxose en marcha un dispositivo de vixilancia que culminou coa detención do mozo, o veciño de Ribadumia coñecido polo alcume de 'El Milo', que ten antecedentes policiais por feitos similares.
O mozo foi localizado mentres esperaba para realizar a transacción da substancia estupefaciente nas inmediacións da coñecida como a "rotonda dos castiñeiros" de Barrantes. Tiña unha bolsa cun quilo de heroína que podería alcanzar un prezo de algo máis de 32.000 euros no mercado ilícito.
Os axentes observaron a un mozo que coincidía coas características achegadas polo alertante anónimo, identificáronlle e realizaron un cacheo de seguridade no que localizaron unha bolsa plástica oculta na súa cazadora que contiña a droga.
Os axentes trasladaron ao novo detido a dependencias policiais e, tras efectuar as dilixencias pertinentes, puxérono a disposición xudicial. O xuíz decretou o seu ingreso en prisión.
Tras a detención deste mozo, a Policía Nacional indica que o correo electrónico habilitado para avisos anónimos antidroga@policia.es recibe máis dun correo á hora facilitando información para loitar contra o tráfico de drogas.
Desde a súa posta en marcha en 2012 recibíronse case 53.000 correos que son analizados por especialistas da Brigada Central de Estupefacientes e que permitiron descubrir puntos negros de venda de drogas, iniciar investigacións sobre narcotraficantes, aprehender plantacións caseiras de marihuana ou localizar locais de lecer onde se distribuían substancias estupefacientes