Drons velarán pola conservación do cabalo de pura raza galega
A Universidade de Vigo segue ampliando o seu estudo para a conservación da raza autóctona de cabalo Galego do Monte. A primeira fase do proxecto financiado pola Fundación de Biodiversidade do Ministerio de Medioambiente de Madrid completouse con éxito e tivo como resultado un censo das poboacións da devandita especie na Serra do Cando e no Monte Cabalar e o deseño dunhas medidas para a súa consolidación.
Nesta segunda fase, o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal, xunto co grupo de investigación Sepcom, ten como novidade a incorporación da tecnoloxía dos drons para seguir co seu censo poboacional e avaliar a redución que producen os animais na acumulación de biomasa nos montes galegos. Esta interacción, tal e como explica o director do grupo de investigación, Enrique Valero, ten un impacto positivo, xa que reduce a posibilidade de propagación de incendios forestais, mantendo hábitats que están recoñecidos pola Unión Europea como prioritarios.
Outro animal no punto de mira neste proxecto é o lobo. Os investigadores observaron a importante interacción dese animal cos cabalos, xa que contribúen á selección da especie, eliminando aqueles exemplares enfermos e de avanzada idade. A especie autóctona, por tanto, é unha fonte esencial de alimento que axuda ao funcionamento do "bioengranaxe" dos montes.
Como compoñente imprescindible nesta tarefa de conservación están os acordos voluntarios de custodia con propietarios de terreos nos que habita a especie. Neste sentido, Raimundo Domínguez, membro da directiva da Comunidade de Montes explica que o abandono rural é a principal ameaza para estes animais, e recalca que é imprescindible un cambio de mentalidade na mocidade galega, que será a encargada de darlle utilidade ás amplas hectáreas de terreo en desuso. Ademais, reivindica como nova saída o incentivo no consumo da carne desta especie, incidindo no seu carácter biolóxico.
Velando pola concienciación e divulgación da iniciativa, o proxecto une forzas coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que a través das redes sociais e recursos audiovisuais tratará de chegar a un público capaz de interactuar co relato da investigación do cabalo Galego de Monte, tal e como explicaba Oswaldo García, encargado de comunicar a evolución do proxecto desde os seus inicios, pasando polos problemas e éxitos que se atoparán polo camiño.
O cabalo de pura raza galega ten un carácter sumamente singular, e atópase na zona de Asturias, Galicia e norte de Portugal. Os testemuños máis antigos da súa presenza na provincia remóntanse ao período da Idade de Bronce, polo que ten unha importante faceta cultural na comunidade galega. Actualmente a variedade atópase nun "limbo legal", xa que non está considerada pola normativa europea como unha especie salvaxe suxeita a posibilidade de subvencións, pero tampouco está englobada na categoría propia para a caza. Por ese motivo Valero cualifica a súa situación como de "abandono".