Cae o falso teito dunha aula de infantil do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Á primeira hora da mañá deste luns 19 os profesores do colexio Isidora Riestra de Poio atopáronse con que o falso teito da aula de 4º E caeuse sobre os pupitres.
Afortunadamente o suceso tivo lugar durante o fin de semana cando o colexio estaba baleiro. Xunto aos ferros de escaiola que formaban o falso teito desprendeuse toda unha parede de ladrillos.
Fai seis anos que se acometeu a reforma desta aula que antes era a casa do conserxe. Durante as obras tiráronse tabiques para habilitar un aula pero só ata onde empezaba o falso teito. Polo que se puido comprobar este luns, ese metro de tabique que ía de teito a chan, cortárono por onde empezaba o falso teito e deixárono suxeito só con masa por arriba, e despois tapárono con escaiola. A inspección da Xunta revisou a obra e deulle o visto e prace.
Á primeira hora da mañá o director do centro Ramón Pazos, comunicou a situación ás autoridades mentres que os alumnos eran recolocados noutras dependencias do centro. Os servizos técnicos municipais procederon a apontoar o teito da aula e a revisar o estado do resto do edificio.
As imaxes co desprendemento do teito foron compartidas nas redes sociais por algúns pais o que xerou unha gran intranquilidade entre a comunidade escolar.
Unha das portavoces da Asociación de pais e nais de alumnos, Vanesa Romero, anunciou que "cuando se sepan todos los datos" convocarán unha reunión urxente "para informar". Tamén pediron unha entrevista co Xefe Territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares, "le vamos a pedir explicaciones de por qué la Xunta le dio el visto bueno a la obra realizada aquí".
A concelleira de educación, Marga Caldas, expresou a súa "preocupación" ante este incidente que "non é alleo ao que está a pasar noutros centros de Poio" dixo en referencia ao crecente "malestar" pola "falta de investimento" por parte da Xunta de Galicia.
Marga Caldas, acompañada de representantes da Asociación de pais e nais, acudiuse no Isidora Riestra para ser informada puntualmente da situación e espera que desde a Xunta de Galicia elabórese o informe técnico correspondente, do mesmo xeito que fará o propio Concello.
Finalmente a concelleira fixo un chamamento "para que se vixíe a seguridade dos nenos" e non ocorran sucesos deste tipo "moitos dos problemas que se dan nos centros teñen que ver coa súa estrutura e hai que facer grandes investimentos" para o que a responsable de educación no Concello de Poio demandou o apoio da Xunta.
RESPOSTA DA XUNTA
A Xefatura Territorial de Educación solicitará ao concello de Poio que garanta a seguridade do teito da aula de desdobre.
A Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación desprazouse ata o centro para analizar a situación e realizar un informe que será enviado ao concello de Poio, xa que foi esta administración a que levou a cabo a reforma da casa do conserxe de cara a que puidera ser utilizada como desdobre puntual para os cursos de Infantil.
Segundo o informe realizado polos técnicos de Educación, a estrutura cedeu a raíz da presenza de antigos tabiques dentro dos falsos teitos. "Segundo nos transmiten os técnicos, cando se adaptou esta antiga vivenda como aula, se retiraron os tabiques intermedios, pero a empresa deixou a parte superior dos mesmos dentro do falso teito", explicou César Pérez Ares. "Foi un destes tabiques interiores o que se caeu, arrastrando o falso teito".
César Pérez Ares solicitará así ao concello que se poña en contacto coa empresa que levou a cabo as obras e que se encargue tamén da recuperación deste espazo.
A Xefatura Territorial recorda que "a obra é de carácter municipal, sendo a obrigatoriedade da Xunta autorizar o cambio de uso, pero sendo labor dos técnicos municipais a redacción do proxecto, o seguimento dos traballos e a certificación dos mesmos".
"Esta é a razón pola que agora pedimos explicacións ao concello, como cremos que tamén o terá que facer a Anpa", engadiu Pérez Ares.
Finalmente, dende a Xunta ofréceselle total colaboración ao concello de Poio para garantir a seguridade deste espazo pero tamén se lle insiste en que debe ser esta administración local, "como responsable da obra", quen acometa os traballos de recuperación deste aula.
Relacionadas:
-
A Policía Local sorprende catro menores no colexio Isidora Riestra realizando desfeitas
Por Oskar Viéitez |
-
A comunidade educativa do CEIP Isidora Riestra traslada a Educación as necesidades do colexio
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Concello colaborarán para reformar a aula sinistrada do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez |
-
A ANPA do colexio Isidora Riestra denuncia a falta de investimento da Xunta no centro escolar
Por Oskar Viéitez |