A Gala do Chapante abre a Festa do Lacón con Grelos en Cuntis
Por Redacción
A Gala do Chapante celebrada na noite deste venres 15 abría a XXI edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, que agarda unha asistencia masiva de público durante este fin de semana.
Neste acto recoñecíase a traxectoria de Buján Carbia, con 63 anos de historia. Ademais, o Concello de Cuntis concedía o primeiro premio Tapa Lacón 2018 ao Bar Chelsea.
Ao longo deste sábado levará a cabo unha nova edición da Vespa Guateque na carpa do Espadenal coa actuación dos Diaños e Agustín e os Fillos Doestramonio.
A xornada central será este domingo 17 coa actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, acompañados pola Banda de Acordeóns. O pregón da festa correrá a cargo do humorista Carlos Blanco a partir das 12.30 horas. Durante a xornada está prevista a celebración de Vespalacón, que chega aos seus dez anos de aniversario. Realizarase unha homenaxe ao desaparecido campión de motociclismo Ángel Nieto.
Ademais da degustación do prato típico, o lacón con grelos, haberá a posibilidade de probar outros produtos nos diferentes postos. Os asistentes contarán con numerosas actividades para menores e adultos, con mússica, mostras de cerámica ou encaixe e a celebración do enterro do Chapante, a partir das 19.30 horas.
O Concello de Cuntis manterá ao longo do domingo un servizo de autobuses cada 15 minutos, entre as 10.00 e as 15.00 horas, desde o campo de fútbol das Canteiras. Durante a tarde, entre as 18.00 e as 21.00 horas, iniciarase a actividade de saída dos autobuses desde o centro da vila ata o recinto deportivo.