Bueu espera estrear os novos parques infantís na primavera
Por Redacción
Este venres aprobáronse no Concello de Bueu os pregos administrativos que rexerán a licitación do proxecto de renovación e creación de novos parques, que ascende a un orzamento de 237.846,77 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Foi un dos asuntos que se trataron na Xunta de Goberno Local, e a previsión é que antes de finais da primavera se poida ter parte do proxecto rematado e listo para o seu goce por parte da cidadanía, sobre todo dos máis pequenos.
Segundo os pregos, o proxecto divídese en tres lotes. O primeiro, correspondente a parques infantís, renovará ou creará áreas na Praza do Concello, Xardíns de María Eugenia, Outeiro, Casa da Aldea de Meiro e as antigas escolas unitarias de Cabalo e Sanamedio. No lote dous estarán as zonas biosaudables, é dicir, Pescadoira, paseo de Agrelo – Portomaior e Ramal dos Galos; e xa o lote tres comprenderá a inclusión de novos módulos no skate park das Lagoas.
Agora o prazo de presentación de ofertas será de 15 días e comezará a contar unha vez que se publique o pertinente anuncio no Boletín Oficial da Provincia. Así o destacou o alcalde tras a Xunta, cando explicou que os criterios que se van ter en conta na adxudicación son varios: a mellora á baixa do prezo dos pregos, a ampliación no prazo de garantía, a redución do prazo de execución, o número de usuarios instantáneos, a calidade dos materiais e dos deseños.
Doutra banda, a Xunta tamén estivo marcada por varios proxectos de pavimentación de camiños, que se atopan agora mesmo en trámite, entre os cales se adxudicou á empresa Marconsa a pavimentación do camiño Meiro-Outeiro, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación, por un importe de 72.829,74 euros; e a pavimentación do Camiño do Outeiro, con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2017-2018 da AGADER, a Construcciones Obras y viales Covsa, cun orzamento de 36.603,01 euros, IVE engadido.