O PP de Poio pon en marcha unha campaña a favor da comarcalización dos bombeiros
Por Redacción
O PP de Poio acaba de poñer en marcha unha campaña a favor da comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra na que utiliza casos reais para demostrar o que considera que é unha "irresponsabilidade" do goberno bipartito do Concello de Poio ao non apostar máis claramente por esa medida.
O voceiro do PP de Poio e do PP provincial, Ángel Moldes, compareceu este xoves nas inmediacións do antigo Hotel 'Las Golondrinas' de Andurique, na parroquia de San Salvador, onde presentou a campaña, que bautizaron como 'Si á comarcalización' e que busca "concienciar á cidadanía dos beneficios" da comarcalización.
A comparecencia realizouse neste hotel porque consideran que é "un exemplo perfecto" de como a comarcalización melloraría a atención de emerxencia en Poio, xa que o estado de abandono deste hotel e a súa utilización por persoas en situación marxinal provocan que sexa escenario de múltiples incidentes, como incendios e desprendementos na fachada. De feito, o pasado mes de decembro bombeiros do parque de Ribadumia tiveron que retirar unha letra do cartel.
Moldes recordou que os Bombeiros de Ribadumia están a 26 quilómetros do hotel, e tardaron media hora en chegar, mentres que os de Pontevedra, cuxo parque se atopa na mesma parroquia de San Salvador, en Poio, se atopan a apenas un quilómetro, e terían tardado tres minutos.
Moldes recordou que a comarcalización do parque de Pontevedra sería a mellor maneira de garantir un servizo máis áxil e eficiente en Poio. O PP xa presentou unha moción no pleno de xaneiro instando ao Concello de Poio a facer unha proposta adaptada a Poio, segundo a que o parque de Pontevedra, xa comarcalizado, pasaría a dar servizo preferente ás parroquias de San Salvador, San Xoán e Combarro, como mínimo, mentres que Raxó seguiría a ser atendida polos bombeiros de Sanxenxo, como ata agora. A parroquia de Samieira sería obxecto dun estudo pormenorizado para determinar que servizo sería o máis axeitado.
A moción, que contou co apoio da concelleira non adscrita, Silvia Díaz, foi rexeitada cos votos de BNG e PSOE. Foi necesario o voto de calidade do alcalde Luciano Sobral para desfacer o empate e rexeitar a moción.
Moldes considera que ese voto de Sobral foi "unha irresponsabilidade", e con esta campaña quere facer un chamamento a que apoie firmemente a comarcalización.
Relacionadas:
-
A Deputación e a Xunta continúan enrocadas na polémica sobre a comarcalización do Parque de Bombeiros
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Os bombeiros celebran a súa festividade co director xeral de Emerxencias e a ollada posta na comarcalización
Por Anxo Lourido |
-
Ángel Moldes, de novo contra Carmela Silva pola comarcalización dos bombeiros: "Está perdida neste tema"
Por Redacción |
-
Deputación encarga un estudo "exhaustivo" sobre as emerxencias na provincia
Por Redacción |
-
Rueda contactará "este mesmo mes" con Pontevedra pola comarcalización dos bombeiros
Por Alejandro Espiño |