Cerdedo-Cotobade instrúe os veciños no uso de desfibriladores
Por Redacción
O Centro Cultural de Cerdedo acollerá o próximo sábado 24 de febreiro, a partir das 16.30 horas, as II xornadas de reanimación cardio pulmonar (RCP) básica e de utilización do desfibrilador semiautomático.
Esta actividade pretende mellorar a atención das primeiras intervencións en casos de urxencia co obxectivo de ofrecer unha rápida resposta á poboación nas emerxencias.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse, de xeito gratuíto, ata o vindeiro mércores. En principio, o seminario está aberto a toda a cidadanía aínda que se orienta sobre todo aos grupos e o persoal encargados da asistencia en emerxencias e de servizos de primeira intervención, que terán preferencia para cubrir as doce prazas habilitadas.
A xornada será impartida por varios instrutores expertos nesta materia e estarán coordinadas por Juan Campos, médico de urxencias e instrutor de RCP polo Consello Europeo de Resucitación.
"Nos últimos protocolos insístese moito na importancia de dar a coñecer a cadea de supervivencia, é dicir, en formar á poboación para que active o sistema de emerxencias, realice de modo precoz unha RCP de calidade e, se é posible, teña acceso e empregue un desfibrilador semiautomático nos casos en que sexa necesario", explicou Campos.