Piden que se reparta sal para combater a neve nas estradas da Lama
Por Redacción
A presenza da neve nas estradas da Lama volveuse constante nas últimas semanas. As parroquias máis afectadas son Xesta e A Barcia, pero tamén outras zonas como Seixido, Antas, Xende e Covelo sofren algúns contratempos.
Ante esta situación, o portavoz do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, pediu por rexistro que durante as alertas de neve a brigada do Concello reparta sal polos camiños de titularidade municipal.
Vaqueiro explicou que A Lama ten zonas que pasan os 1.000 metros de altura e todos e cada un dos seus camiños municipais quedaron cubertos de neve durante os temporais pasados.
A Deputación de Pontevedra, lembra, enviou á súa brigada de traballadores un día antes a distribuír sal polas vías da súa titularidade: as que conectan o Verdugo coa Barcia, As Ermidas ata Pigarzos e As Ermidas ata Gaxate.
Con todo, Vaqueiro denuncia que o Concello non o fai nas súas estradas "e creo que é un servizo básico que debería dar".
"É un traballo dun día. Non cremos que dure máis dese tempo para distribuír todo o sal na estrada, se se organiza ben a brigada e existe unha vontade seria de traballar propositivamente para o Concello", engade o portavoz socialista.