Cerdedo-Cotobade pon en marcha un programa de educación familiar
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de poñer en marcha un programa de educación familiar que pretende apoiar a formación, a sociabilidade e calquera cuestión individual ou familiar dos nenos do municipio.
Trátase dun novo servizo público que xa empezou a funcionar o 31 de xaneiro e atópase a pleno rendemento coordinado polo educador familiar Xosé Lois Díaz Fernández. Estará funcionando ata o final do presente curso para ver cal é o seu grao de utilización por parte da cidadanía
As familias interesadas en beneficiarse do programa poden facelo en horario de 8.30 a 15.00 horas. Están todos os luns, mércores e venres no consistorio de Carballedo e os martes e xoves na sede administrativa de Cerdedo.
Segundo informou o Concello, o obxectivo do programa é atender as demandas plantexadas polas familias e polos centros educativos do municipio na procura de solucións de axuda para afrontar condutas problemáticas ou situacións particulares que poidan supoñer algunha dificultade na boa evolución educativa e familiar dos rapaces.
O presidente municipal, Jorge Cubela, cre que este servizo vai ser de gran importancia para axudar ás familias na educación dos seus fillos e na corrección de posibles problemas de conduta, "especialmente polas actuais condicións sociolaborais dos veciños e polo ritmo da sociedade actual, que moitas veces non nos deixa, por desgraza, o tempo suficiente para estar cos rapaces".
Cubela anima ás familias a achegarse ata as sedes municipais para coñecer o programa e avaliar se poden beneficiarse das súas actividades e amosa a súa satisfacción por contar cunha nova prestación no eido social e educativo, moi achegada ao aspecto humano, que é algo que sempre priorizan no Concello.