Preparan unha nova sinalización para 1.200 quilómetros de estradas provinciais
Por Redacción
A maior parte das vías da rede provincial de estradas non están reseñadas como tales na actualidade, pero a situación vai rematar pronto, pois a Deputación de Pontevedra acaba de anunciar que sinalizará por primeira vez uns 1.200 quilómetros con novos fitos quilométricos.
Segundo deu a coñecer a Deputación a través dun comunicado, estes novos sinais identificarán que a vía é titularidade da institución provincial, o seu correspondente inicio e o final, así como a súa quilometraxe.
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, destacou que a maior parte das estradas non están reseñadas na actualidade porque apenas se fixeron campañas ao respecto por parte dos anteriores gobernos provinciais. Tan só se instalou sinalización vertical desta tipoloxía na comarca do Salnés e noutros concellos espallados, onde se colocaron monolitos co antigo logotipo provincial.
O departamento de Mobilidade aprobou un novo contrato para o subministro e instalación dos fitos quilométricos que supón a sinalización do 70% do viario que a día de hoxe non está reseñado. A nova sinalización estará formada por placas rectangulares reflexivas, de deseño atemporal e con certificado de conformidade CE, seguindo o criterio que tamén utilizan o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para o seu viario.
Aportarán datos da denominación oficial da estrada (EP -correspondente ás iniciais de estrada provincial-), o seu número (cuxas dúas primeiras cifras corresponden aos concellos nos que se ubica e as dúas seguintes ao número de vía provincial dentro do municipio) e os puntos quilométricos onde están situados, dende o inicio ao final da estrada.
Ademais de para ubicar aos condutores, servirán tamén como dato técnico para o replantexamento de futuras obras.
O contrato divídese en catro lotes -organizados en función do traballo dos vixiantes de zona das estradas provinciais- que suman un orzamento de 370.658,49 euros.
O primeiro lote abranguerá as comarcas de Pontevedra, Vigo, Condado e Paradanta (cun orzamento de 82.910,87 euros), onde serán instalados 411 fitos; o segundo lote suporá a colocación de 359 sinais nas comarcas de Pontevedra, Morrazo e Caldas de Reis (cun orzamento de 72.287,83 euros); o terceiro lote suporá a instalación de 428 fitos nas comarcas de Vigo, Baixo Miño, Condado, Caldas e O Salnés cun orzamento de 86.569,73 euros; e finalmente, para as comarcas do Deza, Tabeirós e Caldas destínanse 128.890,06 euros para 640 sinais.
Relacionadas:
-
Os concellos solicitan á Deputación mil lombos máis en toda a provincia
Por Alejandro Espiño |
-
Case 130.000 euros para mellorar 193 quilómetros de sinalización en estradas do Salnés
Por Redacción |
-
A Deputación gastará 1,7 millóns de euros no pintado das vías provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
Posta a punto das estradas pontevedresas da Deputación e Fomento
Por Redacción |