A Policía Local investiga competicións ilegais en Poio e pon o foco en varios mozos
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio mantén aberta unha investigación sobre posibles competicións ilegais que se rexistran en diferentes puntos do termo municipal e ten o foco posto sobre varios mozos que conducen de forma temeraria polo Concello.
Esta investigación xa leva fraguándose varios meses, pero tivo o seu último episodio esta mesma semana. O luns a Policía Local tivo coñecemento de danos producidos nos xardíns do mosteiro e localizou marcas de rodas compatibles con que se fixeron trompos e derrapes diante do castro, na subida ao mosteiro de Poio.
Varios veciños presentaron denuncias de casos similares en zonas como O Pereiro, Portosanto-Saíñas, Campelo, A Reiboa e na zona do Mosteiro. Algunha desas denuncias mesmo van acompañadas por gravacións.
A Policía Local lembra que as manobras feitas neste tipo de conducción agresiva son moi perigosas, xa que o vehículo perde tracción e é moi doado que leve algunha persoa por diante, de modo que, máis unha vez, solicita colaboración dos veciños para evitar accidentes graves ou danos materiais. Aquel que dispoña de datos pode facelos chegar ao enderezo policialocal@concellodepoio.es ou achegándose ás dependencias da Policía.
A situación remóntase xa a hai case un ano. Un veciño xa alertara por teléfono á Policía Local de Poio o pasado mes de marzo de que había un vehículo BMW de cor vermello que estaba a facer trompos e arrincadas na rotonda da autovía, á altura do cemiterio de San Xoán. Ese mesmo vehículo tamén fora localizado con graves deficiencias que resultan perigosas para a seguridade viaria, constatando que fora o mesmo vehículo que golpeara un portal dunha fábrica na Reiboa despois de estar facendo trompos, arrincadas e filigranas.
O seguinte episodio rexistrouse no mes de decembro. A Policía Local de Poio logrou identificar e denunciar un mozo que fixera trompos e derrrapes nas inmediacións do convento e, nunha manobra temeraria, golpeou unha zona protexida do conxunto histórico, producindo danos considerables a consecuencia do impacto co vehículo, ata o punto de romper un dos adornos de pedra.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A derrapaxes de madrugada no centro de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Detidos dous veciños de Poio, un en busca e captura e outro por quebrantar unha orde de afastamento
Por Oskar Viéitez |
-
Un condutor dana unha zona protexida do Mosteiro de Poio facendo trompos e derrapes
Por Natalia Puga |