Un San Valentín que rompe co establecido
Respírase o amor polas rúas pontevedresas. Poucos escaparates non cambiaron a súa decoración e alá onde se mire hai algo en forma de corazón lembrando a chegada de San Valentín, unha festa que dá renda solta ao romanticismo e, como non, ao consumo.
Así o confirmou a enquisa da Federación de Comercio de Pontevedra, que estimou que este 14 de febreiro máis de 30 mil persoas efectuaron agasallos para as súas parellas, cun gasto xeral de máis de un millón de euros na cidade.
Os clásicos nunca morren, por iso as flores seguen sendo o principal presente efectuado polos homes enquisados, seguíndolle moi de preto a xoiería. No caso das mulleres, estas tamén se decantan por esta última para contentar ás súas parellas, superándolle soamente os artigos téxtiles.
Na florería 'La Gardenia' xa teñen unha lista de encargos considerable que puxo en marcha os pedidos da protagonista indiscutible da celebración do amor: a rosa vermella. Mentres Amparo Rúa, a encargada do establecemento, comentaba que este é, sen dúbida, o artigo máis demandado, un dos empregados entraba na tenda cargado de ducias de rosas que apenas cabían pola porta.
Con todo, non falta quen lle dea un toque orixinal e personalizado aos tan emblemáticos agasallos. As flores xa non quedan relegadas ao ámbito feminino, e cada vez son máis os homes sorprendidos con este tipo de detalles. Iso si, neste caso prima a orixinalidade, e entre as delicadas plantas un pode atoparse cun par de cervexas colocadas con igual mimo. Neste sentido, Amparo é tallante, e afirma que as flores gustan a todos. Por iso, tras 30 anos de traballo, nota como vai quedando atrás o cliché de xénero e insiste en que a forma de presentación é adaptable a todo tipo de gustos.
Algo que sen dúbida ten éxito en canto a agasallos de parella, son as tendas de xoias. Mentres que as persoas de mediana idade recorren a clásicos coma aneis e reloxos, Javier, propietario da tenda de xoias 'Joyamar', destaca que os mozos son os máis románticos, xa que demandan sobre todo artígos con corazóns, como colgantes. De feito, en vista desta data, piden para o seu establecemento xoias moito máis enfocadas a este motivo.
En canto as pastelerías, a demanda segue xirando en torno esta forma tan romántica. Na panadería 'A Devesa', unha das tartas máis demandada é a de forma de corazón, xunto con outra de chocolate co texto 'Te llevo a la luna'. Estes son os produtos estrela, que a xente pide, maioritariamente, por encargo.
Pero ademáis, Mara Flórez, dependenta dun dos establecementos de 'A Devesa' da cidade cóntanos que existen packs que inclúen xunto cunha destas duas tartas, un peluche cun benxamín. Esta é unha das opcións máis económicas para os que desexan satisfacer a súa parella coidando o seu padar.
En canto aos clientes de maior idade, é moi común que se atopen con pedidos de tartas con fotografía, en moitas ocasións rememorando fotos de voda.
Cada vez son máis as persoas que recorren a artígos de SexShop para agasallar a sua parella
E como de corazóns vai a cousa, nos días previos non sería raro atoparnos pola cidade cun que nos anime a probar agasallos menos convencionais. O centro de benestar 'SpaXión' ofrece tratamentos exclusivos ideais para gozar en parella. Os seus servizos van dende masaxes para dous, ata circuitos de augas SPA. Dende logo unha opción perfecta para sair da rutina.
Moitas son as parellas que aproveitan estas datas para ir a un destes centros ou para facer unha escapada a un hotel. O que se converte no momento idóneo para que os máis atrevidos gocen do seu tempo de intimidade.
Cada vez son máis as persoas que recorren a artígos de SexShop para agasallar a sua parella e vivir unha noite diferente.
A dependenta da tenda 'El arca azul', Jessica, destaca como o boom das películas de '50 sombras de Grey' destapou a curiosidade e quitou a vergoña de moitos.
O rango de idade dos consumidores deste tipo de tendas é, aproximadamente, dos 25 ós 35 anos, pero os usuarios de maior idade que se atreven a probalo van en aumento.
O máis reclamado son os packs personalizados, nos que cada comprador elixe que artígos quere regalar en función dos gustos da súa parella.
Todo apunta a que, ainda que os clásicos sempre teñan éxito, cada vez gusta máis sorprender e ser sorprendido, sendo o día de San Valentín a excusa perfecta para romper a monotonía e atreverse a todo.