Os concellos de Umia volven colaborar nun programa de prevención de condutas adictivas
Por Redacción
Os concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, na comarca de Umia, reeditan este ano o convenio que asinan desde hai dez anos para colaborar nun proxecto de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas no eido local.
O programa comezouse a aplicar no ano 2007 debido á gran sensibilización dos grupos políticos sobre a promoción da saúde e a prevención das drogodependencias entre a cidadanía. No caso deste novo convenio, o proxecto desenvolverase ao longo dos anos 2018 e 2019.
A través deste programa, financiado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, inténtase dar resposta a un dos grandes problemas aos que se enfronta a sociedade actual, as condutas adictivas, que afecta non só á saúde das persoas directamente implicadas no consumo de drogas senón tamén ao benestar da toda a comunidade.
O proxecto realiza intervencións que teñen como obxectivo minimizar a influencia dos factores de risco e potenciar os factores de protección ante o consumo de drogas. Para iso, realizaranse en varios ámbitos (escolar, familiar, comunitario, laboral e xuvenil) un conxunto de accións destinadas a reducir e /ou retrasar o abuso de drogas, e, no caso de terse producido, minimizar as súas consecuencias negativas.